Coñecendo a Xosé Rocha Gasalla

Coñecendo a Xosé Rocha Gasalla

Hai persoas que deixan un importante legado e o protagonista deste artigo é, sen dúbida, un deles. A colección etnográfica Xosé Rocha é froito da curiosidade e do amor á terra deste veciño de Trabada. Ao longo da súa vida foi reunindo trebellos, aveños e instrumentos coa finalidade de que se entendese como era a vida de antes. Unha vida de esforzos, habelencias e ledicias da xente.

Os seus anos mozos

Pepe Rocha (como lle gusta que o chamen) nace en Trabada no ano 1938, no núcleo dunha familia acomodada. Críase en Trabada e estuda na antiga escola, espacio que ocupa hoxe o museo. Cursa estudios elementais ata os 14 anos, co profesor Celso Currás. Época que vemos na ilustrada na fotografía que sinala nesta imaxe.

Críase con seus pais e unha irmán, que actualmente vive nos Estados Unidos, en Miami (anteriormente emigrou a Cuba). El non emigrou e quedou na casa familiar para axudar á familia.

Unha vez rematados os estudos, os pais de Rocha querían que estudara maxisterio pero el negouse e empezou a traballar en Lourenzá, no antigo bar Galicia. Bar ao que iba e viña todos os días a pé, uns 12 kilómetros de ida e outros tantos de volta. Saía ás 6 da maña e regresaba ás 12 da noite. Tamén traballaba na casa, xa que os seus pais eran maiores.

Aos 18 anos decide trasladarse a Lugo, onde abre unha cafetería na rúa Doutor Castro. Negocio que estivo en funcionamento durante 4 anos. Arredor do ano 1960/1961 viaxa a Madrid a ver uns familiares e alí toma a decisión de mercar un coche (por aquel entonces no Concello de Trabada non había ninguén con automóbil) por unhas 52.000 pesetas. Un Renault de tres velocidades que había que encender a manivela. Chegar a Trabada nese vehículo levoulle 2 días dende Madrid. Pero aí nacería a súa verdadeira vocación, a conducción, profesión que exerceu durante 45 anos como taxista no concello de Trabada.

A importancia do taxi na colección etnográfica de Xosé Rocha

A partir dos anos 80, invirte en diferentes negocios, así como no sector inmobiliario en Lugo. Foi socio fundador do Hospital Politécnico de Lugo e chegou a ser concelleiro na cidade de Lugo. Incluso se presentou á alcaldía de Trabada. Ao cumplir os 65 anos, xubílase e regresa a Trabada definitivamente.

A súa profesión como taxista permitiulle visitar feiras e festas por toda a comarca e é aí onde nace a súa paixón pola compra de obxectos e aparellos. Obxectos de todo tipo, todo o que lle gustaba, se podía, comprábao, afirma Xosé.

Pero destaca que el non colecciona nada, simplemente procura mercar algo que lle gusta ou que lle chama a atención, utilizando sempre as técnicas do regateo. Comproulle a todo tipo de persoas por toda Galicia e Asturias. Aínda hoxe en día, todos os sábados vai a feira a Vegadeo e sempre merca algo: “É raro o día que non veña con algo para a casa”, comenta.

Nun principio, este afán por mercar era un simple “hobby” ou divertimento. Pero co paso dos anos, empezou a ter un obxectivo divulgativo e de conservación. Principalmente eran pezas e obxectos que foran moi cotiás na súa infancia, pero que co paso do tempo foran quedando no esquecemento.

Os inicios do seu propio museo

Unha vez xa xubilado, pensou que sería boa idea crear un museo na súa propia casa, con todos eses obxectos que foi conseguindo. Nas diferentes estancias da casa habilitou pequenas salas de museo, cunha temática concreta: aparellos do gando, escola e libros, época franquista, cristos e cruces, reloxos, bicicletas, aparellos de cociña, bar ultramarinos, botellas de licor, etc., todo, loxicamente, con pezas que na súa maioría pola súa antigüidade están en desuso.

Este museo segue aberto para todo aquel que lle desexe velo. Non cobra ningún tipo de entrada e el mesmo fai de guía. “A porta da miña casa está aberta día e noite”, di. Ao final da visita, acostuma regalar algún obxecto aos visitantes, ademais de ofrecerlles algo de comer e beber: “para que marchen contentos”, afirma.

Asegura que na súa casa hai 4 veces máis pezas que no museo etnográfico, afirmación que podemos corroborar.

Coñecendo a Xosé Rocha Gasalla

Museo Etnográfico Xosé Rocha

Co paso dos anos, na cabeza de Pepe xorde a idea de crear un museo da man do concello de Trabada. O seu obxectivo era diversificar a oferta turística do pobo.

Despois de reunirse cos representantes locais, deciden crear este espazo cultural nas antigas escolas, moi preto da casa de Rocha. Neste intre, Pepe comprometeuse a que unha vez estivese acondicionado, donaría todo aquilo que fose necesario. É aí cando se crea o Museo etnográfico que leva o seu nome, inaugurado o 13 de agosto de 2021. A colección recibe o nome “A vida de antes” e simboliza o que Pepe e o concello queren facer con este espazo:

Protexer, conservar e poñer en valor como era a vida de antes, para que os máis novos, coñezan como eran a vida no século pasado, que aparellos se utilizaban, que traballos realizaban, como se vestían, como cociñaban, como era a escola, etc., e , especialmente, para que non se perda de a historia de onde vimos e de como se vivía antes, que nada se parece á vida actual.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies