Inauguración do Centro Etnográfico José Rocha
O pasado 13 de agosto inaugurouse o Centro etnográfico José Rocha que ten como principal obxectivo difundir o patrimonio etnográfico de Trabada e da Comarca da Mariña.
Asistiron e interviron no acto o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca; o fillo predilecto D. Uxío García Amor; Celso Currás López, en representación de seu pai, ex alcalde e fillo adoptivo a título póstumo; Pepe Barro, o deseñador deste centro, o doante da colección, José Rocha e a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.
Este foi un acto moi emotivo, como non pode ser doutro xeito, cando as cousas son feitas con tanto corazón. O nome e, mesmo a súa existencia, débello este museo a José Rocha. Este era o propietario da coleción que neste museo se expón ata que, hai uns anos, decidiu doala en favor do pobo e compartir a riqueza cultural coa que contaba. A bonomía personificada. A inmensa capacidade de dar, ás veces, tan esquecida.
Xa anos atrás este veciño doara un terreo para construir a Cámara Agraria pero, desta volta, superou o límite da xenerosidade e acudiu ao concello coa única intención de doar a súa colección sen contraprestación algunha, únicamente compartir.
José Rocha leva décadas coleccionando obxectos e obras antigas de todo tipo, unha labor que continúa na actualidade na que non deixa de facer medrar o seu conxunto e asegura que seguirá ata o seu derradeiro folgo. Con todo este legado e este acto de xenerosidade, hai seis anos, comezou a impulsarse este fermoso proxecto. Tras diversas licitacións e, coa paciencia que require a burocracia e as achegas económicas da administración, hoxe pódese falar de éxito.
Devagar foise cociñando un dos proxectos máis fermosos que diferencian a Trabada e que nos sitúan no mapa de interese histórico da nosa terra, xa que, o museo conta con pezas que abranguen todo o territorio galego ainda que se potencia, especialmente, o patrimonio material e inmaterial de carácter etnográfico do Concello de Trabada e da comarca da Mariña.
Ademáis, a través de entrevistas, se recadaron as vivencias dos veciños que engadiron, se cadra, aínda máis significado a todo este proxecto.
Sobre el seguiremos falando e moito, namentres, vos xa o podedes visitar se queredes coñecer o verdadeiro corazón e as raíces de Trabada.