Patrimonio Histórico

Trabada, a antiga “Tabulata”, menciónase no documento máis antigo existente en España e conservado no Arquivo da Catedral de León con data 23 de agosto do ano 775. Este documento reflexa como o Rei Silo fai donación de terreos de dominio real, situados entre os ríos Eo e Masma, para que se construíse neles un lugar de oración ou monasterio.

//turismo.trabada.es/wp-content/uploads/2018/03/patrimonio-cultural-trabada1.jpg

Arqueoloxía

As súas terras xa estaban habitadas na Idade de Ferro como dan fe as mámoas (dólmenes funerarios) chamadas As Parallegas. Cabe destacar tamén un menhir coñecido como Marco da Pena Verde, que marca o límite de Trabada, Ribadeo e Barreiros.

O paso dos séculos foi deixando pegadas arqueolóxicas que dan testemuña dun pasado que pregoamos, como os castros de Sante, Trabada e Vidal: as mámoas das Pallaregas ( Vidal) e de Vilarbetote (Sante); os xacementos de A Cadeira (Trabada) e a Pena Grabada de Vilaformán; e sobre todo o menhir de O Marco da Pena Verde (Fórnea), que representa o vestixio arqueolóxico máis coñecido.

Trabada conta con tres castros: o de Trabada, Sante e Vidal que corroboran un pasado prerromano.

//turismo.trabada.es/wp-content/uploads/2018/03/trabada-arte-igrexas.jpg

Retablo barroco da igrexa de Vilapena
Arte, historia e etnografía

A arte, os pazos e casas blasonadas como o pazo de Terrafeita (Trabada), casa de Rigoio (Sante), ermida de San Martiño… presentan unha relevante importancia, así como riqueza en imaxinería e retablos relixiosos presentes nas igrexas parroquiais e capelas, arte sacro.

Destacan especialmente as igrexas de Sante, que é unha das máis antigas do século XVI; e a de Vilapena, que conta na súa capela maior cun fermoso retablo barroco recentemente restaurado e na nave esquerda con outro do século XVI. A parroquial de Valboa, reformada en 1923, conserva dous retablos laterais do século XVII e a de Vilaformán outro de 1735. Tamén merecen un lugar destacado a escultura pétrea de San Antón xunto co retablo maior, tamén recentemente restaurado, da capela de Vilafernando e a cruz parroquial e a imaxe da Inmaculada que alberga a igrexa de Trabada.

//turismo.trabada.es/wp-content/uploads/2018/03/museo-trabada.jpg

Museo Casa Rocha

Trabada conta cun museo etnográfico, Museo Casa Rocha, onde nos adentraremos na súa visita nunha viaxe ao pasado vendo utensilios de todo tipo con moitas décadas de antigüidade. Tamén conta cun taller de artesanía, Casa do Cura, onde a esencia do traballo manual pasa a ser a principal protagonista desta agradable visita.

//turismo.trabada.es/wp-content/uploads/2018/03/escudos-trabada.jpg

Vestixios da nobreza

As fachadas dalgunhas casas aínda locen famosos escudos familiares renancentistas dos séculos XVI- XVII. Símbolos de familias nobres que tempo atrás viviron en Trabada.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies